Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia anunciaron a firma dun convenio de colaboración co obxectivo de levar a cabo un exhaustivo diagnóstico da situación do turismo na rexión galega. O acordo, que se materializou nun acto oficial en Santiago de Compostela, marca un fito importante nos esforzos para impulsar e mellorar a industria turística de Galicia.
Este diagnóstico levará a cabo a través dun proceso participativo que involucrará a profesionais do sector e enfocarase na realidade territorial de Galicia. A iniciativa consistirá na creación de 20 mesas de traballo distribuídas por toda a xeografía galega, co fin de capturar a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo en cada recuncho da rexión.
O diagnóstico centrarase nunha variedade de temas, incluíndo a sustentabilidade, a infraestrutura turística, a promoción e a formación de recursos humanos. Igualmente analizaranse aspectos como a concentración turística, a idoneidade de figuras fiscais específicas para o turismo, marco regulatorio etc. Espérase que as conclusións do diagnóstico proporcionen unha base sólida para a planificación estratéxica a longo prazo do turismo en Galicia, asegurando un equilibrio adecuado entre o crecemento económico e a sustentabilidade entendida no ámbito económico, ambiental e social .
A realización deste convenio e o proceso participativo representan un paso adiante no compromiso de Galicia por ser un destino turístico de excelencia e sostible. Ambas as entidades esperan que este diagnóstico sexa un exemplo de boas prácticas no ámbito turístico e unha referencia para outras rexións que buscan mellorar a súa competitividade no mercado turístico.